LIMIAR

O traballo aquí presentado é o froito do esforzo dun colectivo, <<Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar das Donas “Os Lobos“>>, unha asociación cultural que naceu en Vilar das Donas (Palas de Rei) e que posteriormente se constituiu en “ Entidade de Promoción do Camiño de Santiago”, categoría creada pola Xunta de Galicia a principios dos anos 90 para distinguir a aquelas asociacións e colectivos que traballan a prol da promoción e divulgación dos diversos camiños de peregrinación a Santiago de Compostela.

O sentido deste traballo é achegarnos ó obxectivo da nosa entidade de promocionar os camiños de Santiago, contribuíndo así á divulgación de trazos particulares da nosa Comarca, superando algunhas posturas municipais localistas que, ás veces, dificultan o desenvolvemento da Comarca.

Esta guía está orientada tanto a peregrinos como a visitantes e habitantes do lugar (descoñecedores do noso rico e abundante patrimonio cultural en algúns casos). Se conseguimos que os visitantes regresen de novo, se conseguimos revalorizar os nosos recursos naturais e culturais, se conseguimos divulgar algún coñecemento... estamos logrando os nosos obxectivos.

Para iso contamos cunha edición bilingüe galego-francés, outra galego-inglés e agora esta galego-castelán que tratan de chegar a todo o público en xeral. As guías teñen como liña argumental o Camiño Francés e o Camiño Norte, e alén de pretender afondar nalgúns dos seus aspectos históricos, artísticos e culturais, tratan tamén de promocionar a Comarca da Ulloa, e presentar as súas singularidades sociais.


A COMARCA DA ULLOA

Esta comarca é unha das máis características de Galicia, e engloba aos municipios lucenses de Antas de Ulla, Monterroso e Palas de Rei. A súa extensión superficial é de 416 kms cadrados. Desde o punto de vista xeográfico cabe identificar esta comarca co Alto Ulla, coa excepción dun pequeno grupo de parroquias septentrionais que verten as súas augas cara o río Miño. Sen demasiados contrastes topográficos, as alturas varían entre os 400 mts e os 900 mts (No Monte Farelo). Podemos sinalar que a Ulloa é un territorio pechado case completamente por montañas: O Corno do Boi (límite con Friol e Toques), o Farelo (límite con Rodeiro e Agolada), os montes de A Vaca Loura (límite oriental), o Careón (límite occidental). O clima da zona é de invernos con 6 graos de temperatura media e veráns moi suaves, en torno aos 20 graos de temperatura media. Cunhas precipitacións anuais que rondan os 1.300 mm), a paisaxe garante todo o ano a súa tonalidade verde. En canto á vexetación, ata hai pouco as especies autóctonas (castiñeiro, carballo e bidueira) eran dominantes, pero as agresivas repoboacións de piñeiros e eucaliptos estana degradando.


O grupo humano (aproximadamente 12.000 habitantes) descende en número de residentes, con excepción das cabeceiras municipais: Palas, Antas e Monterroso. Isto está en relación co proceso de despoboación, un dos principais problemas, ante o cal se torna necesario aplicar solucións imaxinativas que dean novos pulos ao desenvolvemento da zona.

As actividades económicas desta comarca dependen en grande medida das actividades agrarias, que experimentan un cambio acelerado sobre todo desde a entrada do estado español na CEE. A especialización en gando vacún de leite diversifícase cada vez máis, e na vangarda están as modernas queixerías artesanais da zona que tratan de apostar pola calidade dos productos combinando elementos da tradición e da modernidade. Varios labregos da zona son protagonistas da creación da denominación de orixe do queixo Arzúa-Ulloa; e outros participan en iniciativas no seo da agricultura ecolóxica e na elaboración de embutidos artesanais, recollendo o máis positivo da maneira de facer dos nosos avós. Non podemos esquecer a introducción do cultivo do espárrago, as framboesas e a futura elaboración do iogurt ulloán.

As actividades industriais están ligadas ás actividades do sector primario, así temos que destacar: serradoiros, empresas conserveiras de productos agrícolas. E tamén podemos considerar algún criadeiro de visóns, algunha cooperativa téxtil, etc.

As actividades comerciais e de servicios concéntranse nos tres núcleos urbanos principais onde tamén teñen lugar as feiras mensuais:

-Monterroso: o día 1

-Antas de Ulla: o día 10

-Palas: os días 7 e 19


En Monterroso a “Feira de Santos” (1 de novembro) goza dunha repercusión e dunha importancia moi grande. En Palas de Rei a “Feira do San Xosé” (19 de marzo) arrastra unha grande tradición, pero nas dos meses de verán a afluencia de xente é maior polo retorno de emigrantes (Euskadi e Catalunya principalmente) e a afluencia de peregrinos e visitantes. Estas feiras son dun grande interese comercial e lúdico.

Na Ulloa podemos desviarnos das rutas dos camiños de Santiago e visitar outros lugares de interese da comarca, como os seguintes:

1. Vilar das Donas, conxunto histórico monumental, a 6 kms ó leste da vila de Palas. Alí podemos admirar: o mosteiro da Orde de Santiago e a súa igrexa (“monumento histórico nacional” declarado en 1931, o único da comarca), coas súas pinturas góticas e importantes pezas escultóricas, tamén a capela neoclásica de San Antón, os seus tres cruceiros, etc. Dispón de dúas áreas de lecer con grellas, unha delas a carón dunha magnífica carballeira. É de visita obrigada para quen queira deixarse impresionar pola beleza das terras e a hospitalidade das xentes da Ulloa.


2. O pazo da Ulloa, a 4 kms ao oeste da vila de Palas, en dirección a Sambreixo e Pambre. Cóntase que foi fonte de inspiración da escritora Emilia Pardo Bazán.

3. A aldea de Sambreixo, a 5 kms da vila de Palas, ao oeste, preto do castelo de Pambre; a igrexa é un monumental e magnífico exemplo do neoclásico rural galego, preto da mesma flúe unha fonte de augas medicinais dedicada a Nosa Señora do Leite, tamén se pode admirar alí mesmo un cruceiro e unha ermida –“A Cruz”- cunha excelente iconografía da crucifixión de Cristo e un peto de ánimas.

4. O castelo de Pambre, a 7,5 kms da vila de Palas, conta cunha das mellores estructuras de Galicia e do norte de España, foi construído na segunda metade do s. XIV por Don Gonzalo Ozores de Ulloa. Na actualidade, ao ser de propiedade privada, non permite compaxinar todo o desexable o uso privado co seu disfrute público. Do outro lado do río e nun outeiro preto da aldea de Remonde divísase o Castro do mesmo nome, un dos aproximadamente 70 castros que podemos atopar na Ulloa (1 cada 8,5 kms cadrados). É aconsellable baixar á beira do río Pambre, para ver o “muíño de Henrique”, a “fábrica da luz de Coello”, a ponte medieval cara o Vilar de Remonde, e o “muíño do Vilariño”. Tamén é interesante subir ata a aldea de Pambre e disfrutar da arquitectura e de magníficas vistas do castelo e do entorno.

5. As torrentes de Mácara, a 2 kms do castelo de Pambre, río abaixo, un lugar paradisíaco do río Ulla para intrépidos amantes da natureza. Aconséllase utilizar calzado apropiado, como botas, para poder visitalas e coñecelas en profundidade.

6. Frádegas, antigo balneario a 5 kms da vila de Antas de Ulla, para os amantes das ruínas e das augas medicinais (axofradas) que aínda manan e restos tamén dos antigos xardíns. Sobre o río Ulla, tamén hai un muíño con fotos do río difíciles de conseguir pero inesquecibles.

7. A fortaleza do Castro de Amarante, a 2 kms da vila de Antas en dirección a Agolada, construído no s. XIII, foi propiedade da Casa de Alba.

8. O pazo de Santa Mariña, a 4 kms da vila de Antas, con excelente balconada en estilo barroco nunha aldea que respectou excelentemente a arquitectura popular da zona, feita en pedra de gra. (cemiterio e cruceiros)

9. A “Casa da Terra”, en Portocarreiro (Antas de Ulla), unha granxa escola ecolóxica organizada polo colectivo Aperta, onde os novos poden participar e aprender a respectar a natureza.

10. O museo parroquial de Monterroso, na propia vila de Monterroso, instalado na casa rectoral da vila, que data de 1926, nela podemos apreciar materiais etnográficos, artísticos e arqueolóxicos obtidos no propio entorno (aberto domingos de 16 h a 18 h).

11. O pazo de Laxe ou Casa-Torre de Monterroso, na propia vila, construído no ano 1520 e reformado no 1700. Destaca pola súa cheminea, os seus mobles, o arquivo familiar e a súa capela exenta (s. XVI) cun retablo neoclásico e unha imaxe da Nosa Señora.

12. O clube fluvial de Monterroso (“A Peneda”), un lugar idílico a carón do río Ulla, para disfrutar da natureza, dun bo xantar campestre, dun baño ou dun paseo en piragua. Seguindo o curso do río, augas arriba, temos un magnífico paseo (“As Guendas”) por lugares de vexetación autóctona, chegando ata unha espléndida carballeira na cal se celebran os xantares da festa do San Cristovo, no mes de xullo.

Ademais de todo o ata agora destacado, o visitante pode permanecer aquí máis tempo ou voltar de novo e hospedarse nalgunha das numerosas casas de turismo rural reseñadas ao final do traballo, achegarse ás moitas igrexas románicas da zona (case corenta) e aos pazos (o que dá idea da existencia en tempos pretéritos dunha pequena fidalguía autóctona), coñecer como se realizan as tarefas agrícolas, como se fai o pan ou o queixo, ir de pesca (polos ríos Ulla e Pambre principalmente), realizar rutas a cabalo (na Parada das Bestas-Chorexe-Pidre-Palas de Rei), coñecer o emporio de ovos das Granxas Campomaior (San Vicente da Ulloa-Palas de Rei), as prantacións de framboesas de Barreiro (Antas de Ulla), a industria conserveira de productos hortícolas de Arotz (Monterroso), as panaderías da vila de Antas de Ulla (excelentes mestres artesáns), ou as modernas queixerías artesanais do lugar (algunha está a piques de producir un tipo de iogurt autenticamente galego).

A PEREGRINACIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O viaxeiro é un paxaro coa gaiola posta“

(Bioy Casares, escritor arxentino)


O Apóstolo

Santiago o Maior foi un discípulo de Cristo, irmán de San Xoán Evanxelista, e segundo narra o evanxelista San Lucas, foi decapitado por Herodes Agripa no ano 42 d.C.. Tamén apóstolo foi Santiago o Menor, “O irmán do Señor“, Cleofás, fillo de Alfeo, primeiro bispo de Xerusalén, morto no ano 62 d.C.. Conta a lenda que os discípulos de Santiago o Maior recolleron o seu cadáver, e subírono a bordo dun barco no porto de Jope, desde onde navegaron sete días ata o porto de Iria, na desembocadura do río Ulla, en terras galegas. Á súa chegada os discípulos de Santiago depositaron o corpo do mestre nunha rocha e a barca na cal estaba convertiuse en sartego do Apóstolo; pola noite os discípulos acudiron 12 millas cara o interior e pedíronlle á Raíña Lupa unha parcela para enterrar ó Santo. Logo de diversos atrancos e dificultades puideron enterrar a Santiago en Compostela.


Compostela

Cara o ano 813 d.C. produciuse o “descubrimento“ do sepulcro do Apóstolo Santiago o Maior ou do Zebedeo, en Compostela. Por aquelas datas gobernaba Afonso II “O Casto” no reino Astur (ao cal pertencía Galicia), quen acode a Compostela e manda construír a primeira igrexa dedicada a Santiago. A nova propágase por toda Europa. Durante a Idade Media, centos de miles de peregrinos procedentes de toda Europa acudirán todos os anos á cidade de Santiago de Compostela cruzando os Pirineos. Hai que ter en conta que a devoción aos santos foi moi importante nesa época e as súas reliquias proliferaron moito.

Neste contexto e con respecto á cuestión de se a tumba atopada no século IX é a de Santiago Apóstolo ou non, temos que dicir que non é unha cuestión aclarada, mais é algo que non consideramos importante, pois que sexa verdade ou non, o certo é que o resultado da crenza e a fe non poderían ter maior relevancia histórica da que tiveron e teñen na actualidade. E como o dito sinala “a fe move montañas“, pouco importa que o sartego sexa do apóstolo ou non, aínda que a maioría das teses falan de invención dunha tradición a partir de determinadas circunstancias políticas da época (o dominio musulmán e a necesidade de crear un símbolo que unira a toda a cristiandade contra el).

Os restos arqueolóxicos da catedral de Santiago confirman a existencia alí de restos funerarios e relixiosos, romanos, paleocristiáns e suevos, mais non a do propio apóstolo Santiago. Estes restos infórmannos entre outras cousas da existencia dun culto pagano a Xúpiter, o Deus romano do trono, de aí o alcume de “Fillo do Trono“ que ten o apóstolo Santiago. Outra interpretación sinala que era denominado así (“boanergues“) xunto a seu irmán Xoán polo seu carácter impetuoso.


A Peregrinación

Cómpre salientar que o descubrimento do suposto sartego do Apóstolo motivou un movemento de peregrinación que se prolongou máis de 1.000 anos, dando como resultado un importante florecemento cultural que une a Penísula Ibérica con Europa.

Durante os primeiros séculos da peregrinación produciuse unha verdadeiro auxe da mesma, entre os aspectos impulsadores desta hai que citar brevemente:

1.- Os privilexios reais que favoreceron o asentamento de colonos nos núcleos do Camiño (lembremos como parte da Península Ibérica estaba gobernada por Musulmáns).

2.- O establecemento na península da Orde de Cluny (Benedictinos) que creou unha infraestructura asistencial ao longo da ruta Xacobea; a creación da Orde Militar de Santiago para a defensa e protección dos peregrinos e viaxeiros.

3.- A creación do “Ano Santo Xacobeo“ polo Papa Calixto II, e a outorgación polo Papa Alexandre III, da gracia do “xubileo” a quen visitase o templo do Apóstolo os anos nos cales o 25 de xullo coincidise en domingo.

Durante os séculos XVI e XVII os historiadores falan dunha leve decadencia do fenómeno da peregrinación, recuperada parcialmente no século XVIII, volve decaer no XIX. Na actualidade trata de ser impulsada e recuperada desde numerosas institucións, entidades e asociacións, exemplo diso é esta pequena publicación, que pretende que a xente volva ao Camiño e que se desvíe para coñecer máis o seu entorno cultural.


A “Compostela“

Estamos a falar do documento acreditativo de ter realizado o Camiño a pé ou a cabalo, na actualidade tamén en bicicleta. Esta credencial é outorgada polo Cabildo Catedralicio compostelán a aqueles que confesen ter realizado o Camiño por motivos relixiosos, espirituais ou culturais, unha vez comprobado o “carné xacobeo“ de ruta, no cal deben figurar a sinatura e o “selo” dos mosteiros, igrexas ou albergues distribuídos nas principais etapas do camiño a Compostela. Estas etapas comezaron a ser sinaladas por diversas guías desde moi cedo, a máis antigua do peregrino é “O Códice Calixtino“, un códice miniado e ilustrado, escrito no século XII e de autoría atribuída ao Papa Calixto II (1119-1124), aínda que este dato é moi debatido entre os investigadores.

En canto ás distancias mínimas a percorrer para obter a “Compostela“ son:

-A pé ou a cabalo 100 kms Desde Sarria, Paradela, Brea ou Ferreiros (no Camiño Francés); desde a cidade de Lugo (no Camiño Norte do interior, variante de Fonsagrada); desde Baamonde ou Vilalba aproximadamente (no Camiño Norte da Costa).

- En bicicleta 200 kms. Desde Ponferrada (no Camiño Francés); desde Grandas de Salime en Asturias (no Camiño Norte do interior, variante de Fonsagrada); desde Tapia en Asturies (no Camiño Norte da Costa).


O CAMIÑO FRANCÉS

Foi este o Camiño definitivamente consolidado como “Camiño de Santiago“, aínda que existiron outras rutas, incluso máis utilizadas no comenzo da peregrinación como a ruta cantábrica do Camiño Norte.

O Camiño Francés cruza os Pirineos por dous lugares: por Aragón (vía Somport) e por Nafarroa (vía Roncesvallles) formando dous ramais que se unen en Puente la Reina (Nafarroa), creando unha única corrente de peregrinación cara a Santiago de Compostela.

O Camiño discorre logo pola Rioxa, Castela-León e Galicia, na que entra polo Cebreiro, e cruza por Triacastela, Samos, Sarria, Portomarín, Ventas de Narón, Palas de Rei, Melide, Arzúa, O Pino, chegando finalmente a Compostela.


O Camiño Francés na Ulloa

Antes de describir a mencionada ruta, vexamos algúns textos de contraste referentes á súa historia:

As criadas das hospedaxes do Camiño de Santiago, que por motivos vergonzosos e para gañar diñeiro por instigación do demo, achéganse ao leito dos peregrinos, son dignas de condenación. As meretrices que por estes mesmos motivos entre Portomarín e Palas de Rei, en lugares montañosos, adoitan saír ao encontro dos peregrinos, non só deben ser despoxadas, presas e avergoñadas, cortándolles os narices, expoñéndoos á vergonza pública. Soas adoitan presentarse a sós. De cantas maneiras, irmáns, o demo tende as súas malvadas redes e abre o antro da perdición aos peregrinos, causame noxo o describilo”

(Libro I do Códice Calixtino, pp. 215-216)


... no século XIV unha das súas ramas, Alvaro Sánchez de Ulloa, saía coas súas xentes da fortaleza de Felpós (emprazada ao norte de Palas de Rei) para asaltar aos sufridos camiñantes, facéndoos víctimas de toda clase de violencias e vexacións, en grao tal, que o arcebispo Don Berenguel viuse obrigado a perseguir e sitiar aos malfeitores, que, finalmente se lle renderon o día 29 de xullo de 1321.”

(Losada, A. E Seijas, E. (1966): Guía del Camino Francés en la Provincia de Lugo. Lugo: Deputación Provincial de Lugo, p.177)


Palas de Rei, que Lugo, tan fermosa, impediunos chegar onte á tarde, ofrece unha novidade nesta servera Galicia: as súas choupanas, ou edículos, para o millo, pequenas construccións de madeira, sostidas por catro pilares dos que as separan lousas de pedra que cortan o paso aos roedores. As mesmas edificacións vense nas montañas suízas. Aquí, estes agrestes celeiros adórnanse, case sempre cunha cruz; algunhas veces, cun Santo, cousa que non ocorre nos Alpes suízos. Estes silos devotos de Galicia semellan oratorios, e eu non me imaxino que, en certo modo, Santiago é exhortado a velar polo grao.”

(Mauron, M. (1957): Vers Saint Jacques de Compostelle. París: Amiot-Dumont. Traduccion do castelán feita por: Bugallal, J.L.(1959): “La provincia de Lugo en el Camino Francés. Páginas de Marie Mauron en su obra Vers Saint Jacques de Compostelle”, en Lucus n. 5, pp. 31-33)

Desde Ventas de Narón (parroquia de San Mamede do Río, municipio de Portomarín), o Camiño diríxese cara a Ulloa, concretamente cruza a divisoria entre Portomarín e Monterroso polo Monte Veliña, no cal tivo lugar a batalla de Narón (ano 820) contra os Musulmáns.

Entramos na Ulloa polo municipio de Monterroso, seguindo unha pista asfaltada, e percorremos a parroquia de Santiago de Ligonde. En primeiro lugar chegamos ao casarío de Prebisa e logo á aldea de Lameiros. Alí entre o seu patrimonio destaca a Casa de Lameiros, unha “casa grande” con dúas pedras de armas e unha pequena capela exenta dedicada a San Marcos; e tamén é de sinalar o cruceiro, unha obra escultórica datada por unha inscripción no 1674, nos catro lados do pedestal escúlpense os instrumentos da paixón e unha inscripción:


1. Escaleira, martelo, tenaces e cravos.

2. A caveira coas dúas tibias cruzadas.

3. Unha coroa de espiñas.

4. Inscripción: DON ARES CONDE I ULLOA ME FECID AN 1674.

Nun lado da cruz sitúase a figura de Cristo crucificado e na outra a Virxe (“A piedade”).


Chegamos despois á aldea de Ligonde, onde existiu un hospital benéfico e un cemiterio para peregrinos, do primeiro consérvase o Libro de Contas e o solar (“Naval do Hospital”). A tradición popular afirma que os delincuentes redimían as súas penas se alcanzaban Ligonde antes de ser detidos (“dereito de asilo”). Carlos V (1520) e Felipe II hospedáronse aquí nas súas peregrinacións a Compostela. Dúas son as fontes principais: a “Fonte de San Ramón” á entrada da aldea, e a “Fonte do Medio do Pobo”.

Seguindo camiño, e dentro da parroquia de Ligonde (Monterroso) atopamos Eirexe, aldea cunha pequena igrexa románica e unha especial devoción á Santa Cruz, celebra a súa festa o 17 e o 18 de setembro, na cal os romeiros realizan ofrendas tales como velas, exvotos, carne de porco, o peso en gran de cereal equivalente ao peso do ofrecente. Á saída de Eirexe hai unha fonte co nome de Fonte das Lamas do Redondo. Nesta aldea tamén se localiza un moderno albergue de peregrinos, na antiga escola rural, hoxe rehabilitada.


Deixando ás nosas costas o concello de Monterroso, despois dun cruce de pistas asfaltadas adentrámonos no concello de Palas de Rei polas penichairas dos montes da “Pallota” e do “Rosario”. O Camiño deixa a un lado os castros de Ximonde e o de Lardeiros e chegamos á pequena aldea de Portos (Santiago de Lestedo-Palas de Rei), que dá nome a un regato veciño. Nas proximidades de Portos consérvase un pequeno tramo da antiga calzada. Pasando Portos, e cara ao norte, á dereita do Camiño atópase a 2 kms Vilar das Donas, parroquia palense moi ligada ao Camiño de Santiago, e que nos ofrece un valioso patrimonio cultural monumental.


Voltando ao Camiño Francés e pasando Portos chegamos á aldea de Lestedo, o asentamento é dominado pola igrexa parroquial (con vestixios de pinturas do s. XIV) e a cen metros da mesma hai un vello cemiterio de peregrinos. Ao igual que en Ligonde, algúns autores din que existiu un hospital para peregrinos sostido polos señores da Ulloa. En Lestedo hai tres magníficas fontes que non secan en todo o ano: Fonte do Garda, Fonte da Fonte e Fonte do Pascual. Tamén hai un cruceiro coas seguintes inscripcións no pedesta:


ANVERSO


MISION

DE LESTEDO

AÑO DE 1860

SE CONCEDEN




LATERAL


REZANDO

CINCO VECES

LA ORACIÓN

DEL

PATER NOSTER

AVE MARIA

Y GLORIA

REVERSO


EN MEMORIA

DE LA PASIÓN

Y MUERTE

DE

JESUCRISTO

NUESTRO

SEÑOR


A continuación o Camiño cruza pola aldea de Valos, logo o Campo do Remollón, antigo lugar para o descanso e o esparexemento dos camiñantes, nel sitúase a “Fonte do Remollón”, utilizada comunmente polos viaxantes para a hixiene persoal. A continuación deixamos a un lado o casarío da Mamurria seguindo a pista asfaltada, na Brea onde enlaza coa N-547, seguimos a esquerda por un camiño de terra pasando logo polo casarío de Avenostre, topónimo que parece proceder das primeiras verbas dun himno que a estas alturas pronunciaban os peregrinos en acción de gracias: “Ave, Noster Iacobus...”. As Lamelas e O Rosario son os seguintes puntos de paso, aquí o Camiño vai a carón da estrada N-547. O Rosario é unha altura desde a cal se pode contemplar un amplo horizonte, no cal se divisa o Pico Sacro, montaña preto de Compostela que anuncia a pronta chegada á mesma. O Camiño descende por Casas Revoltas ata a vila de Palas.


O primeiro que atopamos antes de chegar ao núcleo, son un área de lecer, as instalacións do Campamento Xuvenil, a zona de Cámping, a zona deportiva (pavillón polideportivo, campo de futbol e piscina), e o Centro Médico. Na vila de Palas (parroquia de San Tirso de Palas de Rei, o Pallatium Regis dos documentos medievais en latín) o peregrino acostuma a deterse, e xa no século XII era final da XII etapa e comezo da XIII segundo o Códice Calixtino. A escasos metros da vila, en dirección a Monterroso, no lugar de Gresulfe, existiu un hospital de peregrinos. Na vila de Palas destacamos a lenda de orixe que sitúa en Palas o pazo do rei visigodo Witiza (710-712), que lle daría á vila o nome de Palas de Rei. A igrexa parroquial conserva a súa portada románica (s.XII), e recentemente reconstruíuse a súa antiga torre, desde o atrio da igrexa, lugar de paz, romances e paseos, un pode descansar e divisar o horizonte do val do Pambre e dos contornos da vila desde un interesante mirador. A carón da igrexa, actualmente na súa cabeceira, logo de varios traslados, está o cruceiro parroquial cun pedestal sobre o cal hai unha pequena pía para a auga bendita; o cruceiro dá nome ao barrio do Cruceiro, e tamén se sitúa nel unha magnífica casa grande de pedra (“O Cuartel Vello”) con típicas chemineas estilo pazo, fronte á mesma o novo albergue parroquial acolle aos peregrinos que o solicitan. No fondo da Rúa da Paz, as súas casas de pedra, con excelentes portas, aínda parecen debuxar a orixe medieval da vila de Palas; e no barrio da Aldea de Abaixo a Casa Torre dos Ulloa (hoxe “Casa de Rouco”) data do século XVI e dispón de fermosísimos escudos e unha porta en arco de medio punto. Desde o punto de vista do patrimonio monumental tamén hai que destacar a fachada do edificio do concello, que data dos anos 40 do s. XX; o edificio do albergue de peregrinos (“Casa de Xeré”), unha casa de pedra rehabilitada que conxuga elementos tradicionais e modernos; e a “Casa de Margot”, magnífica fachada de pedra de gra e corredores, un bo exemplo de como se debe restaurar unha casa vilega. Cinco son as fontes de auga máis importantes: unha a carón das instalaciçon do Campamento Xuvenil, baixando do Rosario e logo de Casas Revoltas; outra na “Fonte do Bispo” na parte alta da vila e a carón da estrada cara Lugo, cun nome que deriva dalgunhas narracións que sitúan a Palas como sé do Bispo Pastor (s. V); outra é a “Fonte de Pereiro”; tamén a fonte no adro da igrexa parroquial; e finalmente a “Fonte do Peregrino”, no fondo da Travesía do Peregrino.,na parte alta da cal un cruceiro realizado e instalado alí a finais dos anos 80 do s. XX saúda ó peregrino; na súa base pódese ler a inscripción: CAMIÑO DE SANTIAGO.


Na vila de Palas e no resto da comarca da Ulloa, o peregrino ou visitante pode descansar, repoñerse e disfrutar da boa gastronomía da zona: como o famoso queixo da Ulloa ou os seus chourizos artesanais, o seu pan e outros alimentos como o caldo, os espárragos da Ulloa, o xamón, o polbo estilo “feira”, as “chulas” (postre caseiro) e as castañas.


Voltando ao Camiño Francés, cómpre recordar o seu paso pola vila de Palas. Antigamente os peregrinos reuníanse na parte baixa da vila, na Aldea de Abaixo, nun lugar chamado “Campo dos Romeiros”, topónimo aínda conservado hoxe. Outro topónimo conservado na vila e que recorda o fenómeno xacobeo é a rúa denominada “Travesía do peregrino”.


Unha vez deixada atrás a vila de Palas, o Camiño cruza a Ponterroxán (sobre o regato Roxán), segue pola dereita e atravesa a aldea do Carballal de Arriba, onde atopamos unha fonte de rego, e A Gaiola da parroquia de San Sebastián do Carballal. E se ata aquí este tramo do Camiño discorre na súa maior parte por asfalto e lugares sen moitas sombras, a partir de aquí as cousas mudan e van predominar os camiños e as corredoiras, e as excelentes sombras de carballeiras centenarias


Despois da Gaiola o Camiño desvíase pola esquerda cara A Lagoa, cruzando a actual estrada de Santiago. No tramo de camiño que ladea a pequena lagoa hai uns excelentes “pasos” feitos en pedra de gra, que serven para sortear a lama e a auga no inverno, feitos polos nosos arquitectos sen título, os labregos da zona.


Máis adiante chegamos a San Xian do Camiño, unha fermosa aldea da cal queremos destacar o seu conxunto de hórreos, aproximadamente unha ducia, un en cada casa, de tipo mixto (madeira e pedra, con teito de tella), que xa podemos vir admirando noutras aldeas e lugares, pero que aquí proliferan en número; tamén cómpre salientar o seu crucerio cunha fonte a carón, e a fermosísima igrexa románica con cabeceira do s.XII. A partir de San Xian o camiño descende no seu grao de pendente e seguimos cara a Pallota deixando á nosa dereita o Castro de San Xian; polo camiño da esquerda e a 1 km está o Pazo de Vilamaior da Ulloa, antiga capital do señorío da Ulloa e, segundo as fontes orais contaban, con cárcere, campo da feira e rexidoría fiscal. Do mesmo queda en pé un corpo rectangular cunha magnífica solaina, e sobre a dovela central do arco da portada central está o escudo da familia nobiliaria dos Ulloa, consistente en quince xaqueis de xadrez.


Desde a Pallota descendemos ata a Pontecampaña (parroquia de San Pedro de Meixide), nome dunha pequena e dispersa aldea que toma o nome dunha vella ponte sobre o río Pambre, con sólidos pilares de gra. A uns cen metros da ponte e río abaixo hai un fermoso muíño-vivenda, o “muíño de Campaña”, magnífico exemplo da arquitectura popular galega; e a aproximadamente cincuenta metros río arriba atopamos o “muíño de Mariñao”, un pequeno “muíño rocho” co teito case en ruínas, pero con paredes, feitas de sillares de cantería moi ben conservadas. A uns trescentos metros, á esquerda do Camiño e en dirección a Andemil, atopamos a Casa de Campaña, casa nobre con escudos que foi dos Montenegro, feita de sillares de gra perfectamente alineados.


A partir da Pontecampaña hai que subir unha lixeira pendente, e o Camiño avanza entre carballeiras ata a aldea de Casanova (parroquia de San Xoán do Mato) onde hai unha fonte e tamén un albergue de peregrinos, na antiga escola rural, que foi rehabilitada para tal fin.


Continuando o percorrido seguimos cara Vilacendoi (á dereita deixamos Mato). A uns trescentos metros está a igrexa parroquial cun atrio ateigado de cruces de pedra, e fóra do atrio hai un fermoso cruceiro que fai lembrar a outros da comarca como o de Alvidrón (Antas de Ulla), e dispón dunha cruz coa seguinte iconografía: Cristo Crucificado no anverso e a Virxe das Angustias no reverso, con sete puñais cravados no corazón representando as sete dores.


O Camiño deixa un pouco á esquerda Vilacendoi, alí tamén podemos atopar unha casa cun escudo dos Ulloa gravado nun dintel, o que nos confirma a súa orixe medieval.


Descendendo cara Porto de Bois (parroquia de San Xoán do Mato-Palas de Rei) pódense divisar os torreóns do castelo de Pambre, a uns 2 km aproximadamente á esquerda do Camiño. Preto de Porto de Bois podemos admirar unha antiga casa nobre cun escudo dos Varela (un castelo, cinco barras, a roda de Santa Catalina e tres flores de lis).


Pasando o regato de Porto de Bois ascendemos ata o “casarío da Florida”, “a Campanilla” e “O Couto” adentrándonos así na provincia da Coruña e chegando ao Leboreiro (parroquia de Santa María-Melide), un poboado de orixe medieval no cal existiu un antigo hospital de peregrinos e que recuperou para esa función de albergue unha antiga escola; estamos xa a aproximadamente 57 kms de Santiago de Compostela.


O CAMIÑO NORTE

O Camiño Norte é coñecido tamén polo nome de Ruta Cantábrica ou Camiño Alto, e foi usado nos primeiros tempos da peregrinación, pola presión da conquista musulmana da península. Máis tarde e coa expansión cara o río Douro, o Camiño Francés comenzou a ser o máis usado e organizado pola Orde francesa de Cluny xa que era menos accidentado e tiña unha mellor orografía que o do Norte. O Camiño Norte iniciaba a súa andadura ibérica por Euskadi, continuaba por Cantabria e Asturias e internábase en Galicia.


Sen embargo este Camiño non xorde da nada ou sen motivo, pois nel conflúen varias vías clásicas: A vía romana entre Oviedo, Lugo e Iria (actual Padrón), a vía de Afonso II a Compostela e o camiño de San Salvador de Oviedo. A protección real foi impulsando na Idade Media esta ruta, con obxecto de crear unha expectativa de resistencia política e relixiosa ante os Musulmáns.


En canto ás rutas deste Camiño Cantábrico en Galicia, dúas son as principais:



A/- O Camiño Norte que vén de Oviedo e entra en Galicia por Ribadeo.

Esta era a ruta máis utilizada nos primeiros tempos da peregrinación, pero perde importancia co avance da “Reconquista“ e a organización do Camiño Francés. A pesar diso moitos peregrinos seguirán usándoo, sobre todo o tramo astur-galaico, desviándose do Camiño Francés para visitar as reliquias da Cámara Santa da Catedral de Oviedo e admirar a arquitectura e a arte de Asturias.

A ruta seguía por Vilanova de Lourenzá, Mondoñedo, Vilalba, Baamonde, Parga, Miraz, Sobrado dos Monxes e Arzúa, onde se unía co Camiño Francés.


Unha variante desta ruta dirixíase un pouco máis ao interior, e adentrábase en Galicia por Abres, onde cruzaba o río Eo, logo pasaba pola Pontenova, Meira e Lugo. Desde alí o peregrino continuaba camiño ata unir a súa ruta coa do Camiño Francés, ben en Palas de Rei ou ben en Melide.


B/- O Camiño de Fonsagrada ou Camiño Primitivo.


Este penetraba en Galicia polo interior de Asturias, cruzaba o Porto do Acevo, Fonfría, Fonsagrada, Montouto, Paradavella, O Cádavo, Castroverde e Lugo. Ata aquí todos os investigadores están de acordo. Mais a partir de Lugo, o Camiño ten diversas variantes, das cales son as máis coñecidas as seguintes:


a/ Lugo-Pacio-Augasantas-Leboreiro.

b/ Lugo-Meixaboi-Portos.

c/Lugo-Pacio-Ferreira-Augasantas-Palas de Rei.

d/Lugo-Pacio-Hospital das Seixas-Vilouriz-Melide.


Vexamos brevemente os seus itinerarios:


Desde o barrio de San Lázaro, de Lugo, continuaban por Louzaneta, Alto, O Burgo, O Hospital -denominación que se pode relacionar co paso dos peregrinos-, Retorta, Burgo do Negral e O Pacio. Desde O Pacio podían ir a Augasantas e baixar pola marxe dereita do Pambre por cerca de Felpós, para saír ao Leboreiro. Tamén podían percorrer, partindo de Lugo, o camiño que vai por O Torreón, Santa Madanela e San Martiño do Monte de Meda e Meixaboi, pasando aquí a ponte do mesmo nome para continuar a Porto, xa preto de Lestedo, onde enlazaban coa vía principal“.


(VÁZQUEZ DE PARGA, L.; LACARRA, J.M. e URÍA RIU, J. (1992, or. 1948): Las peregrinaciones a Santiago de Compostela, tomo II. Navarra: Gobierno de Navarra, p. 591).

No anterior texto sinálanse dúas variantes, a primeira iría desde Pacio (Friol) ata Augasantas (Palas de Rei) e Leboreiro (Melide-A CORUÑA), a segunda cruzaría o municipio de Guntín e uníria Lugo con Portos, no Camiño Francés.


Outra variante utilizada era desde Pacio (Friol) continuar a Ferreira (Palas de Rei), Augasantas, San Vicente da Ulloa, Maceda, Laia, Filgueira e Palas de Rei, onde unirían a ruta co Camiño Francés.

Outra variante máis sería a denominada por ARES VÁZQUEZ, N “Camiño Real“ (ARES VÁZQUEZ, N. (1.993): “O Camiño Primitivo de Santiago“, en Lucensia nº 6, p. 15 e ss.), e por TABOADA ROCA, M. “Camiño de Oviedo “(TABOADA ROCA, M. (1.976): “Camiño de Santiago“, en Gran Eciclopedia Gallega, tomo XX, p. 244). O percorrido da mesma seguiría o seguinte itinerario desde a cidade de Lugo e ata Melide: San Lázaro da Ponte, San Vicente de Veral, San Xoán do Alto, San Vicente do Burgo, San Martiño de Pontomillos, San Miguel de Bacurín, San Pedro de Mera, San Román de Retorta, Santa María do Pacio, San Martiño de Ferreira, San Xurxo de Augasantas, San Salvador de Merlán, Hospital das Seixas, Santiago de Vilouriz (Toques), San Estevo de Vilamor, San Martiño de Oleiros, San Salvador de Abeancos, Santa María dos Ánxeles e San Pedro de Melide, onde se uniría co Camiño Francés.


O Camiño Norte na Ulloa

O itinerario do “Camiño Real“ pola Ulloa transcorre polo norte do Concello de Palas de Rei. Desde a parroquia de Santa María do Pacio (Friol) entra na parroquia de San Martiño de Ferreira (Palas de Rei) pola aldea de Senande, desde onde segue ata o casarío de Ribeira por un camiño terreo; desde alí continúa ata a Ponteferreira por outro camiño terreo, onde podemos admirar algunha casa de traza medieval, como a casa de Antón. Na Ponteferreira, para seguir camiño, temos que cruzar a vella ponte de orixe romana, dun só arco sobre o río Ferreira. Un pouco máis atrás deixamos unha casa de turismo rural; desviándonos escasos metros da ruta por unha pista asfaltada podemos achegarnos ata a igrexa de Ferreira, un templo románico do século XII que dispón dunha monumental fábrica. É tamén de destacar que recentemente os veciños recuperaron o seu vello cruceiro, símbolo da identidade parroquial. Desde a Ponteferreira o camiño segue por unha corredoira á dereita ata a actual estrada a Augasantas, concretamente á altura do antigo campo da festa da parroquia, unha fermosa carballeira, aproximadamente a uns douscentos metros o “muíño de Marcos“ é un dos poucos que continúa moendo o cereal (millo, trigo, e “pan“ -centeo-) para os veciños, a cambio da moenda teñen que pagar a “maquía“ unha parte en grao moído cedido ao muiñeiro.


De seguido o Camiño continúa cara Augasantas, pasando polo Carballal, todo el por estrada.


Na freguesía de San Xurxo de Augasantas houbo no seu tempo un antigo mosteiro, citado nun documento no século IX. Alí pasamos por Leboreira, Codeseda, San Xurxo, Montecelo, alternando a estrada con camiños de terra, logo desviámonos cara a freguesía de San Salvador de Merlán pola pista asfaltada. En Merlán hai unha pequena igrexa románica do século XII, seguimos por Seixas (onde existiu un antigo hospital de peregrinos que pertenceu á Orde de San Xoán de Malta e que dependía da encomenda de Portomarín) e Castro das Seixas. Aquí foi onde o nobre Vasco das Seixas construíu o seu estratéxico castelo, demolido por Gonzalo Ozores de Ulloa, quen ergueu o castelo de Pambre no século XIV. Continuamos o camiño pola pista asfaltada e, en plena ascensión,pasamos preto do lugar do Pazo onde, un pouco máis arriba , nace o río Pambre e,pouco despois, o casarío da Lagoa e o Hospital: este topónimo parece aludir a un antigo Hospital de peregrinos.


Unha vez aquí o camiño cruza o monte Careón cara Vilouriz (Toques-Provincia da Coruña) e Melide, onde se une co Camiño Francés.


A outra variante do Camiño Norte na Ulloa discorre por San Martiño de Ferreira e San Xurxo de Augasantas, polos lugares xa sinalados, pero despois de Augasantas desvía cara a vila de Palas de Rei seguindo unha estrada local asfaltada, cruzando polas seguintes parroquias:


San Vicente da Ulloa: Leva o nome da comarca, e segundo unha lenda, no lugar de Ponteciñas, (ponte entre San Vicente e Augasantas), as meigas poñían de noite velas nas orellas das bestas. A súa igrexa foi de orixe románica, pero totalmente reformada no s. XIX. Nesta parroquia tamén atopamos o pazo de Campomaior, con capela do 1617.


San Miguel de Maceda: Aquí o camiñante pode contemplar a igrexa, o cruceiro sobre bloques de gra ou dúas casas pacegas con escudos: a casa de Ulla e a casa de Pardo.


San Xoán de Laia: O camiño deixa á dereita o pazo de Laia, con capela adxunta, neste lugar podemos atopar unha das explotacións gandeiras máis grandes da provincia de Lugo, e admirar as extensas carballeiras do contorno.


Santo Tomé de Filgueira, lugar no que se erguía unha casa-torre con escudo dos Ulloa, hoxe convertida nunha casa labrega.


A 1 km. chegamos a San Tirso de Palas de Rei, onde a ruta empata co Camiño Francés.

Respecto á paisaxe antrópica do Camiño Norte, esta difire un tanto da paisaxe que podemos atopar no Camiño Francés. En primeiro lugar a orografía é algo máis acentuada, dese xeito desde o sur do concello de Palas esa zona é denominada “a montaña”, as parroquias son de maior extensión e están compostas por gran número de aldeas dispersas. A terra é “negra”, a pedra de “cachopos” (de lousa ou xisto) é a predominante nas construccións arquitectónicas (vivendas, arquitecturas adxectivas, valados, etc.) hai pouca tella e pedra de granito, moi abondosas no Camiño Francés e no sur da Ulloa.